Saturday 18 de May de 2024

‘Un libro ao teu carón’, iniciativa das Bibliotecas Municipais polo Día do Libro


Haberá diversas actividades entre o 17 e o 22 de abril, como encontros con escritores e escritoras, contacontos, mostras ou clubs de lectura

Realizarase, ademais, unha ‘solta’ de libros nos barrios, nos arredores das bibliotecas

Baixo o lema ‘Un libro ao teu carón: festa do libro 2023’, as Bibliotecas Municipais da Coruña organizan un completo calendario para celebrar o Día do Libro a semana previa ao 23 de abril, que lle permitirá participar á veciñanza dos seus barrios en rutas, obradoiros ou conversas con persoas que teñen moito que dicir dos libros e a creación.

É o caso de Lúa Mosquetera, Andrea Barreira, Santy Gutiérrez, Yago García ou Manuel Rivas, xunto con colectivos culturais como Mirlotil; o que se suma á programación habitual de contacontos para crianzas ata 7 anos de idade, clubs de lectura ou divulgación científica, encontros para familias, etcétera. O calendario completarase con mostras de temática variadas en cada biblioteca que teñen como denominador común achegar á cidadanía curiosidades literarias e a diversidade do libro.

O luns 17 de abril comeza a programación especial de actividades para festexar o Día do Libro. Prolongarase ata o sábado 22 de abril e levarase a cabo unha ‘solta’ de libros nos barrios, preto das bibliotecas, durante toda a semana. Estes “libros libres” levarán unha tarxeta para que a persoa que os atope poida compartir o instante nas redes sociais, o que virá dar máis sentido, incluso, ao lema escollido: levar “un libro ao teu carón”.

Quen atope algún destes libros, pode quedar con el, levalo para a casa, lelo e despois volver deixalo en calquera lugar para que outra persoa o recolla e poida gozar con el. As Bibliotecas Municipais animan á cidadanía a compartir a súa foto co libro libre xunto co cancelo #unlibroaoteucarón e citando a @bibcoruna en Instagram ou Twitter.